Con motivo da festividade de San Xoán e San Pedro nos vindeiros 24 e 29 de xuño, recórdase a tódolos veciños/as do municipio que a comunicación para facer fogueiras poderá presentarse ata o día 21 de xuño pola sede electrónica ou nas oficinas do Concello.
As normas para a realización destas fogueiras serán as seguintes:
1. As solicitudes que eventualmente resultasen concedidas quedarán supeditadas na súa validez e eficacia a que o índice de risco diario de incendio forestal non sexa extremo, debendo entenderse automaticamente revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.
2. As cacharelas en locais sociais, prazas, praias, parques e xardíns municipais (así como calquera outro ben de dominio público de carácter especial): deberán contar coa previa autorización municipal.
3. Están prohibidas nos espazos naturais protexidos.
4. No suposto de que a fogueira se faga sobre terreos de uso público lousados, asfaltados ou pintados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm. en toda a superficie da fogueira.
5. Para a celebración das Fogueiras/Sardiñadas en terreos de propiedade privada deberán presentar comunicación, mediante unha instancia xeral que figura na páxina web do Concello.
6. En zona rural o volume do combustible da cacharela non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.
7. Se a cacharela está en zona urbana, o volume do combustible da cacharela non excederá os 3 metros de diámetro, 6 metros de perímetro, nin dous metros de altura.
8. Porase especial coidado en situar a fogueira afastada das vivendas, vehículos, instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables; tampouco se situarán baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin preto de masas arbóreas ou zonas vexetais susceptibles de ser queimadas.
9. É obrigatorio cumprir o establecido na Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
10. No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.
11. Prohíbese queimar plásticos, pneumáticos, espumas de poliuretano ou calquera outro produto que xere fume tóxico, produtos inflamables ou envases presurizados.
12. O/a responsable non abandonará o lugar ata en canto non quede totalmente apagado o lume, e unha vez extinguido humedecerá os restos con auga.
13. A hora límite para rematar a celebración é as 04:00 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no art. 5.II.5 da Orde de 23/10/20 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia (DOG 30/10/20), para a celebración de festas e romarías populares.
14. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou sardiñada.
15. En caso de incumprimento do indicado ou de queixas fundamentadas dos veciños, procederase polos Servizos de Emerxencias, e a requirimento da Policía Local ou superior, a apagar de inmediato a cacharela.
16. A comunicación de queima non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos ou perdas que houbera lugar no caso de producirse un incendio polo uso do lume cando concorra neglixencia ou imprudencia, ou incumprimento das normas de prevención.
17. Este Concello, por iniciativa propia ou por instancia do Servizo Territorial de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, poderá revogar autorización nos casos en que non sexa posible garantir as medidas de seguridade e prevención de incendios.
Descargas asociadas