Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

PONTECESO DISPORÁ DE CONTADORES DIXITAIS PARA MELLORAR A EFICIENCIA E OPTIMIZAR A SUBMINISTRACIÓN DE AUGA

O Concello de Ponteceso vén de dar un importante paso cara á modernización e optimización do seu sistema de abastecemento de auga grazas á súa inclusión na primeira fase do Plan de dixitalización do ciclo integral da auga, unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia.

Este proxecto supón un grande avance para Ponteceso, que disporá dunha infraestrutura de monitorización en tempo real que permitirá mellorar a eficiencia do servizo de abastecemento de auga. O novo sistema integrará estacións dixitais de medición e rexistro, permitindo un control máis preciso do consumo e da calidade da auga subministrada ao municipio. Isto non só permitirá optimizar os recursos hídricos, senón que tamén facilitará a detección de posibles incidencias de forma inmediata, garantindo unha resposta rápida e eficaz.

Outra aplicación, por exemplo, é a detección de anomalías na subministración de auga. Este novo sistema permite identificar situacións de inactividade no consumo, unha alerta útil para o seguimento de persoas maiores ou dependentes.

Toda a información recollida polas estacións dixitais canalizarase a través dunha aplicación informática específica para Ponteceso, que permitirá a xestión remota e a visualización en tempo real dos distintos parámetros do servizo. Esta ferramenta proporcionará datos fundamentais para mellorar a planificación estratéxica e reducir as perdas de auga, un factor clave para a sustentabilidade do municipio.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia desta iniciativa para o concello: "Trátase dun avance crucial que nos sitúa na vangarda da xestión da auga en Galicia. A dixitalización do abastecemento permitirá unha mellor xestión dos recursos e unha resposta máis rápida ante calquera incidencia, beneficiando directamente á veciñanza". O rexedor subliñou ademais que esta modernización "será fundamental para garantir unha subministración de calidade e reforzar a sustentabilidade ambiental do noso concello".

Por último, Mato agradeceu ao director de Augas de Galicia, Roi Fernández Añón, por “recibirnos sempre coas mans abertas e disposto a escoitar e atender as peticións que lle realizamos dende Ponteceso”.

Ademais, o proxecto completarase cunha plataforma de xestión de datos a nivel municipal que permitirá unha mellor coordinación dos servizos de abastecemento e saneamento, reforzando a eficiencia do sistema e garantindo a máxima calidade da auga para todos os fogares de Ponteceso.

Concello de Ponteceso