O Concello iniciou, esta mañá, a instalación de medio cento de contedores marróns con sistema de chave nas zonas urbanas de Ponteceso e Corme. En concreto, a colocación destes 47 elementos fíxose nas contornas do negocios pertencentes ao tecido hostaleiro, centros de ensinanza e nalgúns edificios de vivendas de ambas as zonas. En paralelo á implantación, xa foron entregadas as chaves coas que os residentes (no caso dos inmobles), responsables dos negocios, colexios e institutos poderán comezar a facer uso destes colectores, destinados a desbotar restos de comida.
O alcalde, José Manuel Mato, apunta que con esta acción "estase a realizar un investimento importante para reducir a cantidade de lixo que vai ao vertedoiro dándolles aos veciños e veciñas máis facilidades para transformar os biorresiduos nun recurso útil como o compost". O rexedor confía en que o sistema funcione de xeito axeitado e solicita "a colaboración de toda a cidadanía para reducir o uso dos colectores verdes tendo en conta, ademais, que o seu uso supón un maior impacto económico para o noso Concello”.
Unha vez rematada a instalación dos sistemas de contenerización, o Concello analizará como funciona o novo sistema de cara á instalación e máis elementos destas características. Como sinala o primeiro edil, nesta primeira fase priorizouse implantalos en zonas comerciais e industriais pero a previsión “é facelo extensible nas contornas de todos os edificios das áreas urbanas”.
Xestión sostible
A esta acción hai que sumar a recente adquisición dun camión eléctrico para a recollida de lixo orgánico. Todas estas medidas forman parte dunha estratexia global coa que o Concello busca reforzar o compromiso ambiental do municipio.