Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O ALCALDE MÁRCASE "O RETO" DE ACADAR A CUARTA BANDEIRA AZUL DE PONTECESO PARA A PRAIA DE NIÑÓNS

Ponteceso converteuse hoxe no escenario no que se entregaron as 191 bandeiras azuis que ondearán, este ano, nas praias de toda Galicia. O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, polo alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e pola secretaria xeral da Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor, Eva García González (ADEAC). No caso de Ponteceso, o recoñecemento recaeu nas praias de Balarés, A Ermida e O Osmo. Con todo, tal e como incidiu o rexedor durante a súa intervención, “continuaremos traballando para que a este listado se incorpore, proximamente, a de Niñóns”.


O rexedor explicou que estes distintivos son froito do esforzo “que levamos tempo realizando de cara a garantir os estándares de calidade dos nosos areais”, aos que definiu, non só como un puntos de encontro e esparexemento, “senón tamén como lugares de onde conservo moi bos recordos coa miña familia”. Mato agradeceu o compromiso da Xunta por continuar “apostando por un tipo de turismo sostible e respectuoso co medio ambiente”.

Na entrega de hoxe concedéronse as tres bandeiras azuis aos areais de Ponteceso e a outras 105 praias, 12 portos deportivos e 17 centros azuis de toda a xeografía galega.

Concello de Ponteceso