Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O ALCALDE COMPROMETE NOVAS ACTUACIÓNS PARA IMPLANTAR O SANEAMENTO E ABASTECEMENTO EN TODO O CONCELLO

O rexedor recibiu á delegada da Xunta de Galicia, Belén do Campo, coa que comprobou o resultado das actuacións desenvolvidas ao abeiro do Plan de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, reafirmou o seu compromiso coa mellora dos servizos municipais de abastecemento e saneamento e avanzou novas actuacións para implantar estas infraestruturas en todo o concello. Fíxoo durante a visita que a delegada da Xunta de Galicia, Belén do Campo, realizou para comprobar as actuacións desenvolvidas ao abeiro do Plan de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga.



Durante o encontro, o rexedor agradeceu o apoio e a colaboración da Xunta de Galicia, que cualificou como “fundamentais para seguir avanzando na modernización das infraestruturas e na prestación de servizos que melloren a calidade de vida da cidadanía".



A actuación financiada polo organismo autonómico executouse cun investimento próximo aos 190.000 euros que serviu para optimizar a xestión da rede de abastecemento e saneamento e reducir así as perdas de auga e mellorando a eficiencia do sistema. Para lograr este obxectivo, instaláronse sensores intelixentes, sistemas de telecontrol e plataformas avanzadas de análise de datos que posibilitan a monitorización de parámetros como o caudal, os niveis dos depósitos, a turbidez ou o cloro da auga, entre outros indicadores.



O primeiro edil destacou a importancia deste tipo de intervencións para acadar unha xestión máis sostible e eficiente dos recursos hídricos e incidiu en que se "continuará traballando nesta liña". Así, o rexedor adiantou que se impulsarán novas actuacións para estender os servizos de abastecemento e saneamento ao conxunto das parroquias e comprometeu a inclusión de partidas específicas nos vindeiros orzamentos municipais para avanzar neste obxectivo.

Concello de Ponteceso