Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A partir do día 1 de xullo e ata o 15 de setembro pódese facer a solicitude do primeiro semestre de 2015 do Ticket eléctrico social

As axudas están dirixidas a familias galegas con fillos/as menores de idade ao seu cargo e cuxos ingresos non superen en 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM). Serán de 180 euros para as familias con dous ou menos fillos/as e 300 euros no caso de familias numerosas.

A Xunta de Galicia, dentro da defensa que está a realizar dos consumidores máis vulnerables no contexto enerxético actual, pon en marcha unha nova convocatoria do tícket eléctrico social co obxectivo de facilitar o pago da factura nos fogares máis necesitados. Neste sentido, e co fin de chegar ao maior número de familias posibles, a orde simplifica os trámites de acceso para presentar as solicitudes e duplica a contía das axudas.

Así, a nova convocatoria mellora as súas prestacións pasando de 90 a 180 euros anuais para as familias con dous ou menos fillos ao seu cargo; e de 120 a 300 euros no caso das familias numerosas. Ademais, a convocatoria será compatible coa percepción da RISGA, incrementando os potenciais beneficiarios ata os 40.000 fogares. Para acadar estas cifras, a Consellería de Economía e Industria incrementa un 25% o orzamento sumando 1,5 millóns.

Así mesmo, e coa finalidade de facilitar a solicitude do tícket, que será por vía telemática, simplifícanse os trámites administrativos e refórzanse as vías de tramitación para que sexa máis áxil e sinxelo o seu requirimento. As persoas interesadas poderán dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais tanto para solicitar información como para proceder ao trámite da axuda.

O tícket, cuxa contía se suma ao bono social do Goberno central, permitirá incrementar os beneficios que este supón, xerando de modo conxunto aforros de ata un 50% no recibo eléctrico dos favorecidos, que desta volta serán aquelas familias galegas con fillos menores de idade ao seu cargo e cuxos ingresos non superen en 1,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

Deste xeito, o Goberno galego da un novo paso a favor dos consumidores máis vulnerables, no actual escenario que dificulta a moitas familias dispor dos recursos suficientes para o pagamento da enerxía coa que cubrir as súas principais necesidades.

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso