Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Inscríbete do 16 ao 19 deste mes nos Campamentos de Nadal que organiza a Concellería de Servizos Sociais para nenos de 4 a 12 anos

Este ano, como novidade, haberá servizo de campamento tanto o día de Noiteboa como o de Fin de Ano para facilitar ao máximo a conciliación familiar, laboral e persoal

Chegan as vacacións escolares de Nadal e con elas un novo crebacabezas para moitos pais e nais con fillos/as en idade escolar. Coa finalidade de axudar ás familias do noso municipio a conciliar vida familiar, laboral e persoal, o Concello de Ponteceso volve a poñer en marcha os tradicionais Campamentos de Nadal a través do programa Respira que promove a Concellería de Servizos Sociais. Este ano, como novidade, os nenos e nenas contarán con máis días de diversión e actividade, 8 en total, e os pais/nais disporán de conciliación o día de Noiteboa e o de Fin de Ano.

Ademais de axudar a compaxinar traballo e familia, o departamento que dirixe Noelia Varela Suárez ofrecerá, un ano máis, un amplo programa de actividades, repleto de divertidas e interesantes propostas educativas baseadas no xogo e na aprendizaxe. Obradoiros de artes plásticas, teatro, contacontos, xogos pre-deportivos e un feixe de sorpresas máis completarán a oferta lúdica coa que poremos a proba o enxeño, a creatividade e a imaxinación dos máis cativos/as.

Os campamentos, dirixidos a nenos/as de 4 a 12 anos de idade, desenvolveranse os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro e o 2 e 3 de xaneiro no Edificio das Escolas de Ponteceso e no pavillón municipal de Corme. No primeiro caso, o horario das actividades será de 10:00 a 13:00 horas, mentres que no segundo comprenderá de 10:30 a 13:30 horas.

As familias interesadas en participar neste programa, totalmente gratuíto, deberán inscribirse no departamento de Educación Familiar de Ponteceso (881 983 223) e/ou na Oficina Municipal de Corme (981 738 428) de 9 a 14 h. O prazo para anotarse permanecerá aberto do luns 16 ao xoves 19, ambos incluídos. Dado que as prazas son limitadas, a adxudicación realizarase por rigorosa orde de inscrición e será preciso achegar acreditación da necesidade de conciliar vida familiar, laboral e persoal.

Este Nadal non deixes aos teus fillos/as na casa. Anímate e participa! Ímolo pasar xenial!

Concello de Ponteceso