Criterios de funcionamento das bolsas de emprego do Concello de Ponteceso
RESOLUCIÓN
ASUNTO: BOLSAS DE EMPREGO
EXPEDIENTE:2018/G003/000179ANTECEDENTES:
Logo de ver as distintas bolsas de emprego que ten en vigor o Concello para a cobertura dos distintos postos de traballo, e considerando que algunhas non teñen unha regulación específica, só a súa creación, e o procedemento debe ser claro e conciso, de cara a ofrecer a máxima transparencia, e ofrecer a debida motivación do candidato/a proposto para a contratación.
Logo de ver que por providencia desta Alcaldía de data 10-04-2018 se lle encomenda ao empregado público municipal, técnico de emprego local, D. JOSÉ MARÍA SALVADOR SÁNCHEZ, a responsabilidade da xestión das bolsas de emprego existentes no concello para a provisión de postos de carácter temporal, derivados de novas contratacións, nos supostos previstos no artigo 15.1 do Estatuto dos Traballadores, para a realización de obras ou servizos determinados, acumulación de tarefas e substitución de traballadores con dereito á reserva do posto de traballo, o cal elevará a proposta de contratación a alcaldía para que poida resolver motivadamente en cada caso, dacordo coas bases reguladoras das mesmas.
No uso das atribucións que me outorga a lexislación do réxime local,
RESOLVO:
Primeiro.- Establecer os criterios de funcionamento das distintas bolsas de emprego vixentes na actualidade no Concello de Ponteceso, no suposto de ausencia de regulación específica, de conformidade cos seguintes criterios:
?Criterios de funcionamento das bolsas de emprego
1. Cos candidatos que superaron os respectivos procesos selectivo formarase unha lista pola orde de puntuación total obtida, que será empregada para o chamamento de candidatos coa finalidade de realizar contratacións laborais temporais en aplicación dos supostos previstos no artigo 15.1 do Estatuto dos Traballadores (realización de obras ou servizos determinados, acumulación de tarefas e substitución de traballadores con dereito a reserva do posto de traballo).
2. O nomeamento dos aspirantes efectuarase atendendo á súa clasificación na bolsa de traballo, por orde decrecente de puntuación, que virá determinada pola suma total das puntuacións acadadas no proceso selectivo.
3. Os chamamentos realizaranse por vía telemática e telefónicas, ao enderezo electrónico e número de teléfono facilitados aos efectos, efectuándose, como mínimo, dúas comunicacións con un intervalo mínimo de 5 horas. Coa finalidade de posibilitar a mellor tramitación do procedemento, os/as interesados/as son responsables de comunicar ao concello calquera alteración do seu número de contacto e enderezo electrónico. O/a empregado/a público que efectúe as comunicación de chamamento fará constar mediante dilixencia a disposición do interesado a cubrir o posto para o que se realice o chamamento. De non atender os chamamentos, entenderase que o aspirante desiste do mesmo. Deixarase constancia documental no expediente.
4. Os integrantes da bolsa de traballo non perderán a orde de prelación que en cada momento lles corresponda, de tal maneira que se ao remate do contrato retornarán ao posto q lles corresponda na lista.
5. Os integrantes da bolsa de traballo que, sendo convocados para facer efectiva a contratación non se presentaran ou renunciaran a esta sen causa xustificada, ou que renunciasen a continuar desempeñando un posto para o que fosen contratados en aplicación destas bases, pasarán a ocupar a derradeira posición na lista. No caso de ser convocados por segunda vez e non atender o requirimento, serán excluídos da lista.
Consideraranse como causa xustificada para a renuncia ao chamamento, entre outras, as seguintes:
A) Estar desenvolvendo un traballo remunerado en virtude de relación laboral ou funcionarial nas datas para as que se efectúa o chamamento.
B) Estar cursando estudios cuxo horario lectivo sexa incompatible co do posto para o que se efectúa o chamamento ou estar convocada a realización de exames nas datas para as que se efectúa o chamamento.
C) Atoparse en situación de incapacidade médica que impida de xeito temporal o
desenvolvemento das tarefas propias do posto de traballo.
D) Atoparse, en caso de maternidade, dentro das 16 semanas seguintes ao nacemento, adopción ou acollemento (período que se ampliará en 2 semanas mais por cada fillo a partires do segundo), ou, en caso de paternidade, dentro das 4 semanas seguintes ao nacemento, adopción ou acollemento (período que se ampliará en 2 días hábiles mais por cada fillo a partires do segundo).
O candidato deberá acreditar documentalmente a efectiva concorrencia da causa que alegue para renunciar ao chamamento.
Mediante Resolución da Alcaldía determinarase a procedencia do pase á derradeira posición da lista, así como a aceptación ou rexeitamento das causas alegadas polos candidatos para a renuncia ao chamamento e/ou o desestimento no posto de traballo.
6. A aceptación dun chamamento suporá a suspensión dos chamamentos ata que cese o primeiro nomeamento.
7. Os integrantes da bolsa de traballo que non se atopen prestando servizos poderán solicitar a suspensión das citacións mediante solicitude formulada a tal efecto. Dita solicitude, que será irrenunciable, terá efectos suspensivos nas citacións. Os seus efectos produciranse desde o décimo día natural seguinte contado desde a presentación da solicitude de suspensión no rexistro do órgano competente. O tempo de duración desta, a elección da/o interesada/o, será de dous, seis ou doce meses, segundo o solicite o interesado, computados desde a data de efectos da suspensión.
8. Unha vez compareza o aspirante chamado segundo o orde da bolsa de traballo procederase ao seu nomeamento para o desempeño do posto de traballo correspondente.
9. O cese producirase cando aconteza a causa de extinción do contrato de traballo ou cando se produzan algún dos supostos previsto no Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.?
Segundo.- Dar traslado desta resolución ao técnico de emprego local, e dar conta ao Pleno na vindeira sesión ordinaria que se celebre.