Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

INFORMACIÓN DO ESTADO DA EMERXENCIA PROVOCADA POLO SUBMINISTRO DE AUGA EN CORME. SITUACIÓN DE ALERTA EPIDEMIOLÓXICA

ANTECEDENTES
O Concello de Ponteceso ten coñecemento dos brotes de gastroenterite en Corme-Porto ás 11 horas da mañá do luns 23 de setembro de 2019 por medio de comunicacións dos propios veciños.

Perante este problema a primeira medida da Alcaldía é comprobar que non hai ningún aviso nin comunicación por parte da Xunta, e deseguido chama á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia

O luns 23 de setembro, unha hora máis tarde,o Xefe do Servizo de Riscos Ambientais, como medida preventiva, aconsella ao Alcalde advertir á veciñanza que non se consuma a auga do abastecemento en Corme, actuación ratificada ó recibir o Concello comunicación oficial da alerta sanitaria pola Xefatura Territorial de Sanidade de A Coruña o mesmo luns día 23 de setembro por medio da comunicación emitida polos abundantes casos clínicos de gastroenterite nas urxencias médicas.

Coa prioridade absoluta de protexer a poboación, o Alcalde ordea a Protección Civil e Policía Local advertir á poboación de Corme Porto que non beba auga da traída. Para garantir o consumo de auga, se aprovisionan 25 palés de 142 garrafas de 5 litros de auga, e pónse en contacto coa concesionaria do servizo, Espina y Delfín S.L. e solicítalles que garantan a salubridade da auga da traída antes do mércores 25 de setembro ás 9 horas, e que remita os resultados das últimas analíticas realizadas. Ás 17 horas do luns 23 comeza o reparto de auga por todos os domicilios de Corme Porto.

Os días 24, 25 e 26 de setembro a concesionaria realiza actuacións na rede municipal co gallo de dar coa orixe do problema sanitario. O día 27, despois dos alarmantes resultados das analíticas da Xunta, a concesionaria despraza a Corme medios humanos e técnicos con cámaras robotizadas. O persoal técnico da concesionaria traballa venres, sábado e domingo, e recollidas de mostras para a súa análise e á vista dos seus resultados, para poder atallar o antes posible o problema sanitario.

O concello desde o primeiro momento puxo a dispor dos veciños todos os medios técnicos e humanos para tratar de paliar e solucionar a urxencia sanitaria, e así por medio dun laboratorio acreditado en ensaio e mostreo, a Entidade Colaboradora da Administración Hidraúlica (Uriker S.L.) desde o día 23 de setembro, día que se tivo o primeiro coñecemento do brote, leváronse a cabo as tomas para as analíticas, independentes das que estaba a realizar a Consellería de Sanidade e a empresa adxudicataria. Esta mesma empresa, Uriker S.L., xa fixera traballos na época estival, axudandonos a suprimir focos de contaminación na auga de baño en Corme e estivo diariamente en Ponteceso durante toda a crise e segue a traballar, xa que terá que entregar un informe final o día 11 de outubro de 2019 coas conclusións finais.

As analíticas realizadas teñen un tempo de procesamento de alomenos 4 días para coñecer os resultados, así ata o día 27 non se remiten pola Consellería de Sanidade as analíticas realizadas durante a primeira semana, e á vista dos resultados obtidos a alcaldía procede a mantener e transmitir a recomendación de non usar a auga tanto para a inxesta como para a manipulación de alimentos.

Tras as analiticas realizadas durante a semana do 30 de setembro, comunicadas o Concello por Sanidade o venres día 4 de outubro, cos resultados das mesmas, a Consellería remata a alerta epidemiolóxica e polo tanto a recomendación de non usar a auga da rede de abastecemento en Corme.

No caso da adxudicataria Espina y Delfín SL, nos encontramos hai catro anos cun contrato vencido, unha situación económica de asfisia, ausencia total de contratos, e gastos executados sen procedemento e sen sustento orzamentario, e isto marcou os primeiros dous anos do goberno tripartito.

A área de Obras e Infraestruturas (APIN) que levaba a xestión da licitación do ciclo integral da auga e do alumeado público, cando xa dispoñía dos pregos para a licitación, tivo que adaptalos de novo o entrar en vigor a nova lei de contratos Lei 9/2017, contratando a empresa Alteiro Ingeniería (percibiu 18.000 euros polo traballo previo). O 1 de febreiro de 2018 iniciose o expediente de contratación, se estableceu a estrutura de costes e posteriormente se solicitou á Consellería de Facenda o informe da estrutura de custos do contrato do servizo municipal do ciclo da auga de Ponteceso, o cal foi emitido o 12 de febreiro de 2019. Nese intre, o concelleiro delegado de Obras e Infraestruturas (APIN) priorizou a licitación do servizo de alumeado, o cal foi paralizado pola resolución do Tribunal da Xunta de Galicia, TACGAL. Mentras xa se levaban gastados 18.000 euros e inicados os trámites para o inicio da licitación de augas.

Isto non supón que o actual goberno local de Ponteceso teña olvidado este tema, senón o contrario, a problemática da alerta epidemiolóxica de Corme vai acelerar o proceso, e así o Goberno Local manifesta o compromiso de ter iniciado o procedemento de licitación en seis meses.

TRANSPARENCIA INFORMATIVA
O concello levou a cabo unha política de transparencia publicando na web municipal canto informe, escrito de sanidade e demáis documentos como analíticas da concesionaria, tiña ao seu dispor. A política de transparencia obriga a trasladar o cidadán información rigurosamente contrastada, sin suposicións, rumores ou intereses.

O mércores 25 a concesionaria enviou unhas analíticas favorables -que o Concello, ao igual que as anteriores, publicounas na web en aras da transparencia. Nembargantes, posteriores analíticas da Xunta con resultado ?no apto? en outros puntos, obrigan o concello a publicalas e lembrar novamente que non se consuma a auga da traída, e continúa co reparto de auga a tódolos veciños de Corme. Para garantir o subministro o xoves 26 de setembro chegaron outros 7 palés con 142 garrafas de 5 litros de auga, e repetiuse o reparto, á espera dos resultados de Sanidade, e o venres 27 de setembro recibíronse outros 15 palés de auga para garantir o consumo de auga á poboación, así ata o final da alerta.

Todas e cada unha das novas, analíticas disponibles, comunicación da propia Consellería, etc, publicaronse na web ata o levantamento da alerta o día 4 de outubro. O Goberno estivo sempre a pé de rúa en Corme e no Concello co obxectivo de prestar o seu apoio, coordinar e acelerar os traballos que permitiran restablecer o subministro de auga en óptimas condicións.

CAUSAS DA ORIXE DA CONTAMINACIÓN DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA
As causas da orixe/oríxenes da contaminación en Corme ? Porto se están investigando, e a información que dispoñemos se basa nos resultados obtidos nas analíticas realizadas polos diferentes laboratorios e Sanidade, nos que se atopa:

- por una parte, augas abaixo, derivadas das analíticas dos días 24 a 27 de septembro, un foco de contaminación localizado na Fonte de Ribeira, compatible con unha contaminación xeral por vertido de fecais.

- por outra parte, augas máis arriba - á altura do Centro de Médico- e detectadas nas analíticas oficiais realizadas por Sanidade, unha contaminación máis específica de patóxenos.

O día 30 de setembro a concesionaria Espina y Delfín S.L. emite un informe no que conclúe a localización da orixe da contaminación aa rede de abastecemento de auga, no tanque de tormentas de Corme-Porto, reservorio da auga residual xerada polas vivendas e augas pluviais enviadas despois a súa depuración. Segundo esta teoría, unha semana antes do brote tiveron lugar tres roturas na rede de subministro de auga en Corme, e o diminuir a presión polo corte do servizo durante a reparación, coa baixada de presión se propiciou a entrada de augas do tanque de tormentas na rede ocasionando a contaminación da súa auga. Sen pararse analizar este extremo, o Concello envía o arquitecto técnico municipal á Ribeira e ordea interromper o abastecemento á caseta.

A concesionaria procedeu á limpeza química da rede en Corme para eliminar calquera rastro que puidera quedar de contaminación.

A situación en Corme chega despois de tres roturas nunha semana da tubería xeral que ten 51 anos e está construída en fibrocemento, polo que é unha prioridade a reposición do abastecemento, saneamento, pluviais e canalizacións vellas nalgúns tramos, ata a eliminación total do fibrocemento en Corme Porto, rematando coas roturas. Isto aconsella realizar de forma urxente a súa reposición.

MEDIDAS A ADOPTAR POLO CONCELLO
O mércores 25 de setembro, despois da reunión entre Alcaldía, Tenente de alcalde concelleiro de obras, secretario e interventora, o Concello chama á empresa auditora Applus para que faga un informe sobre as posibles causas da contaminación e recomendacións para atallar o problema.

Tamén ese mesmo día o Concello chama ao estudio técnico especializado Ogpo para que emita unha memoria valorada de actuacións urxentes, acelere a adaptación dos pregos do ciclo da auga á lei actual, e faga unha memoria valorada das obras que consideren preciso realizar na rede de abastecemento.

Polo tanto as medidas urxentes a adoptar serán as seguintes:

Primeira.- Cando se reciba tanto a auditoría da rede, encargada a APPLUS, como a memoria valorada das obras a realizar pola empresa OGPO, tomaranse as decisións oportunas para proceder de xeito inmediato, por medio dun contrato de emerxencia, a realizar as que se consideren urxentes e imprescindibles para garantir o bó funcionamento da rede.

Segunda- Por outra banda hai que salientar que debido á antigüidade da rede, nalgúns tramos con máis de cincuenta anos, será preciso levar a cabo un completo plan de renovación de mellora da rede, a cal se está estudando delegar na Deputación da Coruña por medio da encomenda de xestión, a cal se ofreceu por medio do seu presidente para prestar a axuda técnica e económica necesaria para axudar a toda a poboación afectada de Corme.


A situación de emerxencia sanitaria produciuse en Corme despois da rotura en tres días diferentes nunha semana, da tubería xeral que ten 51 anos e está construída en fibrocemento, polo que é unha prioridade a reposición do abastecemento, saneamento, pluviais nalgúns tramos, ata a eliminación total do fibrocemento en Corme Porto, rematando coas roturas. Isto aconsella acometer de inmediato a súa reposición. Os posibles tramos de fibrocemento a renovar, pendente da recepción dun plano actualizado por parte da concesionaria, serían:

Corme Porto - Actuacións:

1. Tubería xeral de abastecemento de Corme Porto, desde o depósito das Forcadas á estrada AC-424, preto da marquesiña. 2. Zona da Arnela (ramificacións a Vila de García e rúa Río de Arriba). 3. Desde a Arnela ata a Fonte do Campo (por ambas marxes da estrada autonómica AC-424 / Rúa Real, co permiso da titular da vía). 4. Barrios antigos do centro de Corme nas rúas que aínda non foron renovadas, no contorno da Fontiña e das rúas Sol e Pondal. 5. Zona do Carral. 6. Tramo desde a Ribeira ata a Confraría e o porto de Corme. 7. O Caramanchón. 8. A travesía da Agra. 9. Da Praza da Constitución á Rúa Nova. 10. Praza de España, á Paxariña, e á rúa Santander. 11. Un tramo do Voluntariado á Rúa Nova.

De todos estes tramos son prioritarios os de acceso xeral á rede en Corme. Tamén é prioritario mellorar a alerta por contaminación do manantial, un sistema automático de peche da alimentación do depósito, renovar os filtros e outras actuacións menores.

Ponteceso e O Couto - Actuacións:
Por precaución, e sendo obxecto tamén de roturas, para evitar a mesma situación en Ponteceso e O Couto, aconséllase dentro da encomenda de xestión tamén o mesmo traballo nos seguintes puntos: 1. Zona alta do campo da Feira. 2. Antonio Longa. 3. Tramos da Rúa Concello. 4. O Couto (tramos que non foron renovados no Campo e no Quinteiro).

Para mellorar a recirculación da auga, eliminaranse as numerosas tuberías de fin de tramo na Ribeira, conectando todas elas entre sí para a mellor recirculación da auga.

Para mellorar o funcionamento das depuradoras, nas zonas onde se leve a cabo a renovación, deberase dispor tamén de canalizacións separativas de pluviais e fecais.

Por último, acometerase unha obra para que en caso de quedar sen abastecemento da auga que ven de Ponteceso, Corme Porto poida servirse de forma auxiliar do depósito das Forcadas.

Cantas outras actuacións considere o proxecto técnico correspondente.

Terceira.- Nun prazo de seis meses teranse os pregos de cláusulas administrativas e prescripcións técnicas precisos para licitar o servizo de xestión integral do ciclo da auga, que permitirán adxudicar o servizo de subministro de auga, saneamento e depuradoras, a unha soa empresa o que indudablemente mellorará a xestión do servizo.

DEPURACIÓN DE RESPONSABILIDADES
Para a resolución do problema cómpre ter a documentación técnica completa pola parte da concesionaria, que inclúa histórico de analíticas comunicadas a Sanidade e ao Concello e as obrigas que recolle a lei e o contrato coa concesionaria.

Unha vez que o concello dispoña da auditoría encargada á empresa APPLUS estudarase a acción que legalmente corresponda contra a última responsable do acontecido. Cómpre ter os informes de Uriker e Applus, a memoria valorada de actuacións urxentes por Ogpo, a memoria valorada para a encomenda de xestión, e rematar co proceso de actualización dos pregos para licitar o servizo.

Só queda dirixirnos á poboación como sofridora da situación para manifestar o apoio que sempre tivo do Goberno Local co seu alcalde ao fronte, e o compromiso de solucionar de xeito inmediato o problema, para que non se poida repetir o mesmo.

Goberno Municipal

Concello de Ponteceso